viernes, 27 de octubre de 2023

SAMAÍN!!!!

Esta semana estivemos moi emocionados pola chegada do Samaín (moitos/as xa teñen escollido o seu disfraz e xa saben como van decorar a súa cabaciña!), e na aula tamén fixemos algunhas actividades relacionadas con estas datas. Nun dos espazos tiñan que colocar os olliños terroríficos, con moita paciencia e precisión (parecía doado pero non era tanto..). Tamén preparamos unha mesa sensorial de Samaín e debían coller coas pinzas os obxectos, que daban moito medo. Isto fainos aprender novo vocabulario, coordinación, atención, concentración ou autocontrol.

Hoxe, os pequenos/as que quixeron, fixeron unha pulseira terrorífica, que levaron para a casa! (graciñas sempre á miña ex compi, a profe Carlota, que segue a compartir moitas ideas comigo, e esta é unha delas). 

Algunhas das nosas lecturas de Samaín foron Un pesadelo no meu armario, Monstruosa sorpresa ou El pequeño vampiro llamado Clementillo. E hoxe tivemos unha sorpresa: O libro de Leotolda contado con luz negra!!!! (nas fotos non se aprecia ben, pero con esta luz vese totalmente fluorescente). Gustoulles moito, ademais as ilustracións son moi bonitas. 

Xa rematamos tamén o noso mural de Samaín, que nos quedou precioso!!!!

E por último, o mércores tivemos a gran festa de Güino, a nosa mascota da biblioteca. Desfilamos coa nosa bandeira e encendemos o facho olímpico, para poder empezar as nosas investigacións sobre os Xogos Olímpicos (ao noso ritmo...), que será a temática do proxecto deste curso para todo o centro. Ademais Güino entregounos a mochila viaxeira, que irá para a casa de cada neno/a os venres e volverá o xoves seguinte (son lecturas en familia, enmarcadas dentro das actividades de animación á lectura, que promove o Equipo da Biblioteca). Por último, todo o alumnado da escola e profesorado representamos os aros olímpicos (tocounos a cor verde). Estade atentos á páxina web do cole porque nos próximos días publicarase un vídeo do evento.